Monday 06 de May de 2024

A compañía de Autocares Arriva planea rebaixar en 45 minutos a duración da viaxe entre Riveira e Santiago de Compostela


A empresa informou ao alcalde de Riveira de que tamén quere habilitar unha parada de bus dentro da estación de ferrocarril

O director xeral de Arriva Noroeste, Juan Gómez Piña, acudiu na mañá de hoxe ao Consistorio de Riveira para expoñerlle ao alcalde, Manuel Ruiz Rivas, un programa de melloras que esta compañía de transporte ten previsto realizar nas liñas de autobuses Riveira-Santiago das que é adxudicataria.

Gómez Piña informou de que se fixo unha enquisa sobre 500 usuarios na que se reflectiu a demanda dun servizo máis directo entre as cidades barbanza e compostelá, así como a posibilidade de establecer enlaces con outras redes de transporte.

Sobre a base deste estudo, Arriva planea recortar os tempos de recorrido en 45 minutos nalgunhas liñas regulares, de tal xeito que das dúas horas actuais se pase a 75 minutos. Isto realizaríase habilitando unicamente dúas paradas intermedias, na Pobra e Boiro, para despois circular por autovía ou autopista cara Santiago.

Billete completo
Ademais, Arriva vai negociar con Renfe e Adif a ubicación dunha parada de autobuses na propia estación de ferrocarril que lle facilite aos pasaxeiros a conexión con esta rede de transporte. Tamén pretende que se poida mercar o billete completo (bus e tren) na propia cidade riveirense cando se vaia viaxar á Coruña ou outros destinos.

“Queremos que o usuario deixe o coche na casa, que agora mesmo é o noso principal competidor”, afirmou Juan Gómez Piña.

Pola súa parte, Manuel Ruiz respaldou estas propostas ao entender que redundan nunha mellor prestación do servizo para os veciños, e así o porá en coñecemento da Dirección Xeral de Transporte aos efectos oportunos.

Estación de autobús
Así mesmo, o alcalde mostrou a súa satisfacción ante a coincidencia de ambos en relación a que a solución ás carencias que Riveira ten en canto á espera dos pasaxeiros non pase por unha estación autobús que encarecería o transporte, senón por unhas marquesinas modernas na propia cidade.